Que visitar

Inicio | Que visitar

Cabo Touriñán, o punto máis occidental da península

Situado no Concello de Muxía, o Cabo Touriñán é o punto máis occidental da España peninsular e conta cun faro que alerta aos navíos das perigosas rochas nas que se teñen rexistrado graves naufraxios. 

Caldeiras do Castro, piscinas naturais

A menos de 5km de Casa de Lema, o río Castro ao seu paso pola aldea de Coucieiro (Muxía) cae 8 metros formando unha fervenza e unha serie de pozas circulares na rocha ás que se accede a través dunha pasarela de madeira. Na beira sitúase unha área recreativa con grellas, mesas e bancos.

Secadoiros de congro

Muxía conserva os dous únicos secadoiros de congro de toda a Península onde o proceso de curación e secado do peixe é totalmente artesanal. Durante a Semana Santa de Muxía organízase a Festa do Congro, onde os locais da vila ofrecen o congro seco en diferentes preparacións. 

Santuario da Virxe da Barca

O templo construído na rocha a carón do mar e as pedras singulares que a rodean, e ás que se lle atribúen poderes curativos, son lugar de peregrinación de moitos romeiros que acoden á Romaría da Nosa Señora da Barca en setembro.

A Ferida, lembranza da catástrofe do Prestige

O 16 de novembro do 2002 chegaron ás costas de Muxía as primeiras manchas do fuel óleo procedente do petroleiro Prestige que tinguiría coa súa marea negra as costas desde Portugal ata Francia na que é unha das maiores catástrofes ecolóxicas da historia de Galicia. A escultura "A Ferida" lémbrao preto do santuario da Barca.

Praias

A tan só 2 km de Casa de Lema podemos atopar a praia dos Muíños, a máis extensa da enseada de Merexo e cun complexo dunar ao seu carón poboada con flora e fauna caraterísticas.

A praia de Nemiña é unha visita obrigada para os afeccionados ao surf e bodyboard de toda Europa.

Lago, Lourido e Cuño son outras das praias próximas que merecen ser visitadas pola súa singularidade e que dan nome ás habitacións de Casa de Lema.

Fervenza do Ézaro

A fervenza que forma o río Xallas na súa desembocadura ao mar na enseada do Ézaro, Concello de Dumbría, é visita obrigada pola súa beleza e por ser a única de Europa que desemboca directamente no océano. Rodéana as espectaculares formas graníticas do Monte Pindo, integrado na rede Natura 2000.

Cabo Vilán, Camariñas

Cabo Vilán é un enclave espectacular que está declarado Sitio Natural de Interese Nacional dende 1933. Nel está o Faro Vilán, construído a raíz do naufraxio do acorazado HMS Serpent (1890). O faro acolle salas de exposición e o Centro de Interpretación dos Naufraxios da Costa da Morte. 

Fisterra

Do latín Finis Terrae, o fin da terra dos romanos, tamén é punto final do Camiño de Santiago e unha paisaxe de contrastes que se pode desfrutar facendo algunha das súas rutas de sendeirismo. 

Carnota

Carnota posúe a praia máis longa de Galicia e un dos hórreos máis grandes. Ademais o Monte Pindo é un macizo granítico incluído na Rede Natura 2000 que ofrece unha espectacular vista da costa desde os seus 627 metros de altitude. 

Morpeguite. 15124 - Muxía (A Coruña). Teléfono: 981 72 98 13 - 628 00 00 68. E-mail: info@casadelema.com.
Rexistro: H-CO-002064 - Nº Regasa: 9801.10067/C| Aviso legal